Ao amparo do mosteiro nace o barrio do Arrabalde, onde descubriremos estreitas rúas, pequenas prazas, e tradicionais casas con patín que saen ao noso encontro.

Este barrio constitúe un dos núcleos máis atractivos da parroquia de Sta. María de Oia. A súa rúa central, hoxe denominada Vicente López, era o paso obrigado da estrada. Non o seu estado actual aínda conservan varias construcións de interese, que reflicten a arquitectura galega tradicional, sobre todo as casas restauradas para servizos de hostalería e a fachada da reitoral da parroquia.

Ao comezo da rúa identifícase, pola súa placa, a primitiva casa do concello. Construída en 1875, na actualidade funciona como oficina local de turismo.

Destaca a pequena praza Sentinela, miradoiro ideal sobre o porto e o mosteiro, cuxo nome lembra na súa toponimia a función de vixilancia que exercía este lugar ante os ataques inimigos. Conserva un interesante cruceiro, onde se aprecia a súa data de construción en 1764 e o seu doante. Na súa base destaca unha singular representación das ánimas do purgatorio.

Desde a balaustrada de pedra da praza, coa marea baixa, son visibles os restos do dique de pedra que pechaba completamente a enseada coa axuda dunha comporta. Esta construción tradicional, coñecida como “A Camboa”, era empregada como sistema de pesca polos propios monxes do mosteiro.

Imagen Descripción

Puntos de interés en Barrio do Arrabalde